Galego (RAG)
Galego (AGAL)
Español
Ligazóns/enlaces
Asina!/Assina!/¡Firma!
Contacto
   
 


Xa temos Blogue!!!!!        

RAEÑALA (Versión Rockeira, Zënzar)

RAEÑALA (Zënzar)



RECOLLIDA DE SINATURAS


A Real Academia Española (RAE) (www.rae.es) continúa a ofrecer no seu dicionario tan “prestixioso” definicións de “gallego” coma:

5. adj.C.Rica. Tonto (falto de entendimiento o razón).( Acepción xa suprimida)

6. adj.El Salv. Tartamudo.

7. m.Lengua de los gallegos..


*Mesa gallega / Mesa de gallegos:. Aquella en que falta pan de trigo.

*Hacer mesa gallega:
llevarse todo el dinero del contrario en el juego.

O pasado 6 de Xullo do 2009, a RAE atendeu as demandas que moitas asociacións e organizacións levan facendo desde tempo e eliminou a acepción de "tonto" da definición de "gallego". Esta modificación pode ollarse ao clicar no artigo enmendado que a RAE inclúe no seu dicionario virtual na definición do termo "gallego". Suponse que esta enmenda é un avance da nova edición do dicionario desta Academia que sairá á rúa nuns anos. Desde Garipano celebramos a decisión da RAE de eliminar a acepción de parvo, mesmo aínda que tardara anos en levar a cabo esta medida. Con todo, por desgraza, a RAE aínda pretende manter o significado de “gallego” como “tartamudo” xa que, segundo a organización,  se usa en El Salvador. Esta afirmación topa coa confirmación de moitísimos filólogos e expertos da lingua, ademais de cunha grande parte da propia poboación salvadoreña, que aseguran que o uso de “gallego” como “tartamudo” é moi residual e totalmente descoñecido no Salvador. Certas persoas indican que esta acepción de “tartamudo” se produciu por causa de que os galegos que migraron ao Salvador na procura dunha vida mellor, non sabían falar ben o idioma español e polo tanto o tatexaban tentando indagar as palabras correctas para diciren algo. A realidade, hoxe en día, é ben outra; a maioría dos galegos sabe falar correctamente o español e xunto ao feito de que “tartamudo” é unha acepción moi descoñecida pola maioría da poboación salvadoreña, pedimos desde aquí a retirada dese concepto como ao longo da historia do idioma español ocorreu con miles de palabras. Mais isto non acaba aquí; resulta que agora a RAE pretende introducir na próxima edición do seu “prestixioso” dicionario as expresións “mesa gallega”  ou “mesa de gallegos”, e “hacer mesa gallega”. Até agora, no seus dicionarios, podíase ( e pódese) ler  “caldo gallego”, “gaita gallega” “nabo gallego”, e “trompa gallega” mais, esta academia introduciu na súa versión virtual e na mesma entrada de “gallego” as expresións ditas enriba (“mesa gallega” ou “mesa de gallegos” e “hacer mesa gallega”).  A expresión “mesa gallega” apareceu por primeira vez na edición do 1803 (S.XIX), mentres que “hacer mesa gallega” se incorporou no dicionario alá polo 1925 (S.XX).  Esas expresións estiveron buligando continuamente da entrada de "mesa" á entrada "gallego" durante tempo. Desde hai bastantes anos estaban incorporadas baixo o concepto "mesa". Por que queren incluír agora “mesa gallega / de gallegos e “hacer mesa gallega" na propia entrada de “gallego”, cando levan anos metidas na entrada de “mesa”? Por que esa teima de meteren novos termos despectivos cando eliminan outros da palabra “gallego”?.

Pola outra banda, seguiremos moi atentos co posible futuro da acepción “tonto”.

Para a xente que aínda non o sabe,  o termo  “gallego” en moitas rexións de América Latina fai referencia a todos os españois e non só aos galegos. Pola outra banda, no dicionario da RAE defínese directamente “gallego” como “tonto” e “tartamudo” (tanto na versión virtual como no tomo da última edición) sen explicar que estes insultos van dirixidos a toda a comunidade española, podendo provocar deste xeito confusións. Ademais, sábese perfectamente que estes usos son totalmente residuais en América Latina, e, inda así, a Rae quere amosalos no seu dicionario.  Xa indicamos enriba que parece ser que a RAE, por fin, vai retirar acepción de “tonto”. Hai que facer saber tamén que en bastantes lugares de América Latina, o termo “gachupín” ou “cachupín” é un vocábulo moi despectivo, mesmo moito máis ca “gallego” para se referir aos españois, porén a RAE no canto de incluílo na mesma entrada de “español”, introdúceo nunha nova entrada como se non tivese nada que ver con el. Quizais a RAE ten medo de que se coñeza a relación deste termo con español. Pensamos que se os significados de “tonto” e “tartamudo” son definidos dentro do termo “gallego”,  “gachupín” tamen debería ser explicado no corpo de “español” (xa que é sinónimo) e non apartalo nunha entrada diferente. Con todo, cremos que as acepcións despectivas a calquera comunidade de xente non deberían ser amosadas en ningún dicionario e menos aínda se os seus usos son moi limitados como no caso de “tonto” e “tartamudo”. Sinalar  que segundo todo o que acabamos de dicir, tamén se deberían incluír os termos de “bruto” para “Vasco” e “agarrado” ou “tacaño” para “Catalán”,  xa que son moi empregados na fala e coñecidos por todos. Mais o noso propósito non é aldraxar a ninguén nin afrontarnos a ningunha persoa (tampouco apoiamos a introdución destes usos despectivos nos correspondentes termos), senón condenar e pedir con total seguridade e firmeza que os significados de “tonto” e “tartamudo” sexan totalmente eliminados da definición de “gallego” xa que non veñen a conto. Por outra banda, no ano 2007, a mesma ACL (Academia Costarricense de la Lengua) indicou que os significados despectivos sobre o termo "gallego" fosen eliminados do dicionario da RAE (polo menos os que fan referencia ao seu país). Dous anos despois, podemos comprobar que a RAE fixo como que non oíu nada e seguiu a manter estes significados no seu dicionario virtual.

Falando sobre a acepción de lingua, parécenos bastante incompleta, principalmente se a comparamos, por exemplo, coa de “Catalán”:

3. m. Lengua romance vernácula que se habla en Cataluña y en otros dominios de la antigua Corona de Aragón.

Calquera lingua neste dicionario, como por exemplo “Euskera”, ou “Español” (ademais de Catalán) aparece definida dun xeito máis completo có “Gallego”.

Cremos que temos o mesmo dereito que os demais a que se defina o noso idioma do mesmo xeito que se define os outros, especificando que temos unha historia detrás e coidando que a nosa lingua non sexa tratada coma un dialecto máis. Pola outra banda, o feito de situar, a definición do “gallego” como lingua nun sétimo lugar (coa marcha de "tonto" ficará nunha sexta acepción, aínda así, moi alonxada das posicións que ocupan as definicións dalgunhas das linguas de España: "catalán", "euskera", ou "español"), parécenos intolerable.

Para conseguir o que nos propomos, gostariamos de realizar unha recollida de sinaturas e de que participedes todos cantos pensedes coma nós.